É un pequeno retrato ou pictograma de Xandre.

10 de decembro, día mundial dos dereitos humanos

0

10 de decembro de 2010

Unha experiencia con Xandre nos centros

Celebrado o 10 de decembro dende hai tempo (1950, resolución 423-V da asemblea Xeral das Nacións Unidas), o día mundial dos dereitos humanos ten nos centros de ensino un espazo privilexiado mediante a realización de diferentes actividades. Así, o que as Nacións Unidas promulgaron pode tomar corpo nas nosas conciencias e nas nosas aulas.

Pé de media (e descrición alternativa): Vídeo sobre como se fixo Xandre feito cunha presentación de fotos dos distintos momentos. Ao longo da metraxe pódense ler letreiros que suman o seguinte texto: Como se fixo Xandre o elefante sen sombra. Con… moita ilusión, moito agarimo, moito traballo, e… altas doses de pracer estético. Non sería posible sen a colaboración de… Andrés Caamaño, Frank Eijo, Paco Díaz, Rafa Sánchez Agustino, Valentín Torrado, Xavi Seco, Ana, Antón, Luis, Manuel, Mariña, Mauro, Rosa, (e o grupo de Contos). Graciñas, TADEGa.net

Dende a asociación TADEGa enviouse unha proposta a todos os centros do ensino galego: que o día 10 de decembro amosen nas súas aulas o conto: Xandre, o elefante sen sombra. Un conto adaptado, accesible e usable, para espertar en cada un de nós a necesidade da presencia de todas as persoas con ou sen discapacidades. Unha inclusión natural, un xeito de convivir, de ser e de estar.

O conto, como sabedes, está nesta web (ver menú principal O conto) así como as actividades, e incluso algún engadido máis (audios, vídeos, textos e debuxos para imprimir, etc.) Tamén se pode mercar a pulseira USB co conto xa grabado á que tamén se pode acceder dende o menú principal desta web.

No caso de querer visualizarse directamente, recoméndase que uns días antes se probe nos mesmos ordenadores para deixar descargado todo o material previamente evitando así conxestións no ancho de banda cando todos os centros se conectasen á vez.

Igual con tanto éxito tirades coa nosa web abaixo, estaría ben, pero faremos canto estea na nosa man para evitar todos os trastornos que podamos.

Graciñas por ser e por estar.

Xandre cos máis cativos

0

A miña experiencia con Xandre

A mediados do segundo trimestre do meu ano de funcionaria en prácticas como mestra de Educación Infantil, chegaron ás miñas mans moitos recursos para aplicar na aula, pero se de algún deles paga a pena falar en profundidade é o conto de Xandre, o elefante sen sombra(1).

Xandre abriume unha fiestra para traballar cos nenos actitudes positivas como a solidariedade, o compañeirismo, a empatía, o respecto ás diferenzas… nun contexto un tanto especial, dadas as circunstancias dun alumnado procedente de fogares desestructurados e na súa maioría con escasos recursos económicos.

Pero, ¿Como traballar con Xandre con nenos que nunca tiveron acceso ás novas tecnoloxías?, o tema da motivación xa estaba resolto, pois todo o relativo ás novas tecnoloxías chama a atención dos rapaces, mentres que o enfoque polo cal abordar o traballo requiriu un pouco mais de tempo e resultou que dada ás curtas idades do alumnado (tres, catro e cinco anos) o mellor foi traballar co conto para instar aos nenos a axudar aos demais, a ser mellores compañeiros.

Os nenos de 5 anos, tras ver en repetidas ocasións o conto e falar sobre el en asembleas, decidiron elaborarlle unha sombra a Xandre, con retallos de cores, cada un pintado por un neno.

Amosáronse todos ilusionados por cumprir o soño de Xandre e concederlle unha sombra, e querían que toda a escola vise o que fixeran por el. Foi unha experiencia verdadeiramente fermosa.

Pé de medio (e descrición alternativa): Mural no chan da sombra de Xandre feito por nenos e nenas de 5 anos.

No caso dos nenos e nenas de 3 e 4 anos, Xandre foi un punto de partida e de motivación que propiciou un maior coñecemento do noso corpo, das súas posibilidades e un maior respecto polas diferenzas cos compañeiros.

O contorno ideal para comenzar esta experiencia era a aula ordinaria, alí tras unha asemblea decidimos buscar as nosas sombras na parede, o que nos foi posible co simple acto de baixar un pouco as persianas.

Unha vez realizada esta actividade e vendo o interese que despertou nos nenos decidín ampliala, e explorar cas nosas sombras empregando unha pantalla e un canon de proxeccións, do que gravamos vídeos que logo puidemos ver e analizar o traballo feito. Nestas sesión empregamos ademais do noso corpo diversos elementos de psicomotricidade, que afastamos e aproximamos á pantalla permitíndonos observar as variacións no tamaño das sombras. Foi algo máxico!, ademais, Xa eramos como Xandre, tiñamos todos unha sombra coa que xogar!

Pé de medio (e descrición alternativa): Neno de 3 anos tentando debuxar a súa sombra no encerado dixital.

Para deixar rexistro das nosas experiencias tamén empregamos o Encerado Dixital Interactivo, con el os nenos púñanse diante mentres outros perfilábanlles as sombras, que aproveitamos para que quedaran gravadas en actitudes positivas, sombras dándose apertas, a man ou un bico. Pois nunca esquecemos que ademais de desfrutar coa experiencia creativa, a finalidade da actividade era tamén gozar aprendendo a compartir, a respectar, e a querer aos nosos compañeiros.

A narración de toda a miña experiencia con este conto agardo que sexa de axuda a outros mestres que están a dar os seus primeiros pasos como docentes, para que exploren este tipo de recursos, pois como xa sinalou Giani Rodari (1979) o primeiro coñecemento da lingua escrita non atopou aínda un itinerario, mais rico, cheo de cor e atractivo que os contos. E neste caso a riqueza de contidos a traballar é abraiante, sobre todo nos niveis das actitudes. E que mellor momento para inculcar actitudes positivas que a etapa de Educación Infantil?, onde o neno, como destacou a gran pedagoga María Montessori dispón dunha mente absorbente, grazas á facilidade que ten para adquirir coñecementos en base ás contribucións da contorna.

Pé de medio (e descrición alternativa): Nena traballando con Xandre na pizarra dixital.

Así que anímovos a todos a seguir enriquecendo o mundo dos nosos nenos, a facilitarlles o acceso á realidade, ás experiencias, á creatividade, só así acadaremos un sistema educativo eficaz que enriqueza os corpos e as mentes dos homes e mulleres do mañá.

Xogando con Xandre na PDI

3

A compañeira Rosa Martínez do CEIP Santo Paio de Abaixo de Redondela nos envía esta experiencia:

O outro día contamos un conto moi especial, o conto chamábase: Xandre, o elefante sen sombra.

É un conto especial porque é un conto para todos os nenos e nenas: altos, baixos, grandes, pequenos, con problemas visuais,… e que se pode ler de moitos xeitos, coa lingua de signos, cos pictogramas, con letras, etc.

Ademais, xunto co profe Miguel, fixémoslle a Xandre a súa canción e agora non paramos de cantala nin un so segundo, a que si, Lucas?

Pero hoxe fixemos algo máis, subimos á aula de informática e colocámonos diante da PDI, unha pantalla moi especial na que podemos pintar e facer moitísimas cousas con tan so mover un dedo. Xancre, como sabía que estabamos viaxando pola China regalounos uns xogos de sombras, como as sombras do seu conto. E foi moi divertido… xogar así!

E aquí o vídeo coa reportaxe:

Pé de media (e descrición alternativa): Un vídeo coa montaxe audiovisual do alumnado do CEIP Santo Paio de abaixo, unha reportaxe gráfica coas fotos nas que se pode ver ao alumnado traballando coa PDI do seu cole, especialmente coas actividades que se xuntan ao conto de Xandre, o elefante sen sombra.

Cartaz anunciador de Xandre e os seus contos.

Presentación de Xandre

0

Cartaz anunciador de Xandre e os seus contos.

Contexto. As IV Xornadas TADEGa

Como xa moitos sabedes, os vindeiros días 26 e 27 de febreiro deste ano 2010, celébranse no Pazo da Cultura de Pontevedra, as IV Xornadas TADEGa co título Competencia Dixital na Atención á Diversidade.

É intención desta asociación separar claramente as xornadas dos congresos TADEGa, no que a contidos se refire. Por unha banda as xornadas TADEGa terán sempre o distintivo de ter un compoñente claramente experiencial e práctico compartindo realidades para as aulas netamente galegas ou con implicación educativa directa galega. E pola outra banda teremos os congresos cunha compoñente máis investigadora e formativa e ampliando o círculo a todo o mundo iberoamericano.

Presentación oficial de Xandre

Así pois nada mellor que presentar ao noso Xandre nestas IV Xornadas, unha experiencia de aula netamente galega dun conto adaptado e accesible. Alí nos teredes a todos e todas desexando falarvos desta experiencia 100% galega e con futuro.

Nota: non llo digades a ninguén que é unha sorpresa; parece que os da organización tolearon de vez e teñen un agasallo moi especial a cada asistente, o noso Xandre nunha pulseiriña como a que figura no conto.

Bulide, bulide… que xa poucas prazas quedan e a partires de mañán día 16 as cotas de inscrición increméntanse 20 euros.

Enlaces de interese

  • Enlace ao tríptico das xornadas: programa (En formato PDF) Actualizado o mércores 10 de febreiro.
  • Enlace ao formulario para inscribirse: inscrición.
  • Relación de hoteis en Pontevedra (actualizado 11/2/2010) (En formato PDF).
  • Formularios adicionais (para o profesorado de ensino non universitario) nos que se poden pedir axudas económicas e permisos de asistencia (En formato PDF).
  • Enlace de Google coa ubicación do Pazo da Cultura de Pontevedra.
  • Máis información na nosa web.
Ir arriba